LA CRUZADA DE NEVILLE

LA CRUZADA DE NEVILLE

jueves, 25 de julio de 2019

Galicia é o berce da cultura celta atlántica, toda a nosa cultura é celta

























André Pena, no Concello de Cangas, ante a réplica dunha das aras de Donón, actualmente depositadas no Museo Provincial.
ATLÁNTICO

ANDRÉ PENA GRANHA DOUTOR EN ARQUEOLOXÍA E HISTORIA ANTIGA E ARQUEÓLOGO DO CONCELLO DE NARÓN


André Pena Granha non teme as polémicas. “Galicia é o berce da cultura celta”, afirma. Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola Universidad de Santiago de Compostela e arqueólogo no Concello de Narón —un dos municipios pionerios en España en contar con esta figura—, é un dos máximos especialistas en estudos célticos.

Esta semana estivo en Cangas do Morrazo, convidado pola Concellería de Cultura, que dirixe Héitor Mera, para falar do Facho de Donón, un dos xacementos máis importantes de Galicia; un santuario xa da época cristiá onde apareceron numerosas aras votivas que mencionan a Berobreo, un suposto deus galaico. Aínda que Pena, neste punto, tamén é claro. Para este investigador, os celtas tiñan unha concepción trinitaria de deus, existindo tamén numerosos epítetos, categorías divinas e figuras psicopompas (seres conducían as ánimas dos defuntos) herdados despois por virxes e santos.

É Galicia realmente o berce da cultura celta?
O berce dos celtas da Europa atlántica. Si o é, non o digo eu, dino os que defenden a teoría da continuidade paleolítica.

En que consiste esta teoría?
Parece ser que houbo unha glaciación hai 20.000 anos. As capas de xeo en Centroeuropa chegaban a varios quilómetros de altura e isto provocou unha extinción. Non entanto, quedaron algúns refuxios climáticos e un deles era o que había no noroeste da Península Ibérica, dende o Cantábrico ao Estreito de Xibraltar. Cando se retirou o xeo esa xente que estaba neolitizada pasou da Península ás Illas (Irlanda e actual Reino Unido) e de aí ao continente. Nós somos o berce diso.

E pódese dicir que eran celtas?
Pódese, e a nivel cientifíco. Cando John T. Koch, especialista en lingua celta, estuda o tartésico, que sospeitaba que era céltico polas características que tiña, pode ler perfectamente as inscripcións e unha das primeiras que le, correspondente á Idade de Bronce, era dun home da Costa da Morte, que se chamaba Tasiioonos e que di nela que é nerio da Kaaltee ou Galtia, e iso é Galicia. Case mil anos despois, Plinio ou Estrabon usaban a mesma palabra e din que os nerios son celtas.

Para falar destas raíces celtas os estudos remítense tamén agora á toponimia.
Certo. Temos varios sitios que se chaman Céltigos. É curioso, non? Pero á parte, temos a nosa hidronimia, moi antiga. O nome do noso río Tamara, "Tambre", é o nome do río Tamar, que separa Cornualles de Inglaterra, e tamén do Támesis; como o nome do río Dubra é o nome do río Dover. Hai probas claras, e non o digo eu. No último traballo póstumo de Juan José Moralejo, no terceiro Congreso Internacional dos Celtas da Europa Atlántica, escribe sobre a lingua e di que todos os rexistros prerromanos que hai en Galicia, todos: toda a toponimia, toda a hidronimia, todo o que hai... É celta indoeuropeo exclusivamente!

E por que hai esa resistencia a recoñecer este celtismo en Galicia?
Por razóns políticas. Non quero entrar no tema, pero non hai razóns científicas para negalo. Hai que preguntarlles mellor por que non somos celtas; que expliquen por que non o somos. Todas as nosas festas, o noso calendario, as nosas celebracións... Toda a nosa cultura é celta.
En Cangas falou sobre o Facho de Donón. Qué importancia ten este xacemento? 
Hai uns anos, nunha campaña arqueolóxica, José Suárez Otero atopou nun espazo moi reducido o maior santuario da Península Ibérica, con máis dun centenar de aras con forma de estelas funerarias. Son unhas aras moi tardías, do século IV d.C., nunha Gallaecia cristiana, dedicadas a Deo Lari Berobreo. Iso foi moi intersante, un descubrimento importantísimo.

Falou do significado de Berobreo.
Berobreo é un composto da palabra Bero, que é alto, elevado, e Breo, ven de brigos, que significa cidade fortificada. Era unha alta cidade fortificada. Son aras, e isto é moi importante, con forma de estela funeraria. Non están feitas para os difuntos. Están feitas por xente que din 'pro salute', que recuperaron a saúde, que se libraron da morte. E están xusto enfronte dunhas illas que son as Cíes.

Relacionouno na súa conferencia co nome do lugar, Donón.
E que, por se fose pouco, unha das aras atopadas ten unha variante: Breogo. "Briogú" é unha palabra que enlaza con Breogán, como reflectín nun estudo con Alfredo Erias. Relacionabamos todo ese tema coas postas de sol, a illa á que van os mortos, a xente que se libra da morte e non pode entrar nelas porque están vivos. E unha das claves para entender iso está en Irlanda. Alí conservan a memoria de Donn, que está na historia de Breogán, é un galego que sae de Brigantia e non consigue chegar a Irlanda; por un meigallo afúndese o seu barco e entérrano nunha illa onde profetiza que nela só entrarán os mortos. Todo isto enlaza despois con outras historias como a de San Amaro, San Brandán... En irlandés Donn significa o escuro, pero tamén ten un epíteto: Damach, que significa rico en hóspedes. É dicir, que hospeda á xente que vai ao outro mundo. Está relacionado con outros epítetos galegos, como as estelas funerarias aparecidas en Lourizán fronte a illa de Tambo adicadas a Alonieco, representado con cornos e as mans abertas, que tamén é un hospedeiro do Alén, que dá de comer aos difuntos. Todo está cheo de referencias. 
“Estamos ante o rexistro arqueolóxico do mito fundacional de Irlanda”
 Un dos obxectivos da conferencia organizada polo Concello de Cangas era a posta en valor do Facho de Donón e abrir un debate sobre este lugar como recurso turístico. Na súa intervención, Pena Granha sinalou que é a sociedade a que debe demandar das institucións este aproveitamento e participar na súa xestión, para o que puxo de exemplo as Illas de Arán, que el ven coñece como investigador convidado en numerosas ocasións a Irlanda. Ao Facho de Donón alicientes non lle faltan: santuario de peregrinación celta, vistas únicas do solpor e as illas Cíes de fondo.

As Cíes serían o noso Avalón?
Todas as illas serían vistas como ese refuxio. Chámanlle de moitas maneiras, cunha serie de epítetos: Ávalon, a illa das mulleres, da xuventude, dos deuses... E todo iso ten continuidade. En Santo André de Hío até mediados do século XIX os librados da morte xa non facían estelas: escoitaban a misa dende os ataúdes.

Donón sería logo a Santa Marta de Ribarte ou a Virxe do Carme para aqueles galegos?
Así era. Se un mariñeiro caía no mar e afogaba a súa alma quedaba alí, convertido nun home mariño. Pero se se libraba, viñan aquí e facían o exvoto en forma de estela e despois co cadaleito. Isto foi así en Hío até que un cura de apelido Graña, en 1850, o prohibiu.

Como se pode poñer en valor este patrimonio? Pódese facer unha explotación como recurso turístico deste xacemento e deste pasado celta?
Este é un recurso único no mundo, da mesma importancia que o Camiño de Fisterra, o outro destino das almas. Estamos ante o rexistro arqueolóxico do mito fundacional da nación de Irlanda, de Breogán, dos fillos de Mil que partiron deste Brigantia. Noutros sitios sentirían envexa por esta riqueza. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario